Ao meu amante efímero voulle cambiar o adxectivo. Estame durando moito de máis, estame gustando moito de máis, estámonos vendo moito de máis. E cando nos vemos, falamos de películas e de libros. Falamos das historias que contan outros para aforrarnos falar das nosas propias.
¶ 6:29 PM
Sábado, Agosto 27, 2005
Teño un amante efímero. Seino porque tararea "Cry me a river" con voz fermosa mentras me quita a roupa moi a modiño.
¶ 5:33 PM
Sexta-feira, Julho 22, 2005
Gústame o verán, con este calor agotador, e os nenos máis pequerrechos cantaruxeando pola rúa de pura felicidade. E por riba como temos un goberno novo en Galiza, cun pouco de sorte ata nos libran do Super Martes. Que pachorruda se volve unha cando todo axuda da maneira.
¶ 8:27 PM
Sábado, Maio 21, 2005
Pensei que era mellor non alentar nin un pouquiño a esperanza de que os caciques bárbaros que nos gobernan perdan as próximas eleccións. Xa sabedes, polo mal que lle queda a unha o corpo cando logo as esperanzas palman de vez. Pero ben mirado, de aquí a Xuño podo permitirme vivir con esa ilusión e ese contento. Despois, deus dirá, e que nos quiten o bailado.
¶ 12:06 PM
Quinta-feira, Abril 07, 2005
Pasaba por aquí a saudar, e relín de paso o blog. E decidín non poñerme en situación de que ninguén me aplique o que Oscar Wilde dixo sobre a obra dun contemporáneo. "Non tiña nada que dicir, e díxoo".
¶ 2:03 PM
Segunda-feira, Outubro 25, 2004
Ía escreber algo bonito, pero está empezando a película do Plus e non se pode estar a todo. A solución de emerxencia de copiar algunhas liñas poéticas do señor Pessoa para cubrir o trámite non pode ser, porque as baldas de poesía están bloqueadas pola media tonelada de roupa sen planchar. Mañán é outro día. Eso espero, porque se volve ser o de hoxe, menudo aborrecemento.
¶ 10:32 PM
Domingo, Outubro 10, 2004
Estou empezando a dubidar que a vida de solteira sexa aburrida. Creo que EU son a aburrida. Ou era. Agora mesmo estou plácida coma un lago suizo en primavera.
Viggo segue sen dar novas de sí. Non sei quen contou nestas páxinas que veraneaba en Portugal. Pois eu, ¡que lle queredes!, marchei a Mongolia.
Agora estou moi distraída coa enorme cantidade de cousas curiosas que no mundo hai. Non me pidades concreción, que xa vos dixen que estou moi plácida.
Atopei un blog cunha pinga de gracia e agora mesmo téñome por moi lista porque creo saber quen é autora: Mila Ximenez, esa simpática muller que se adica a cachondearse de todo nos programas do corazón.
Creo que vou volver ler a Dickens para que poña e quite gravidade sobre o meu corazón colorado.